21 Photos - Jul 14, 2007
Photo: Río Toxa.
A tradición da devoción a Santa Isabel de Escuadro a través da peneda de Penadauga ten o seu comezo vinculada a unha fermosa lenda animista que nace no río Toxa ao seu paso pola parroquia de Escuadro en Silleda, un lugar engaiolante situado entre prados verdísismos e carballeiras de engado.Photo: Río Toxa.
Á dereita está o remanso cun nacente de auga no que na noite de San Xoán se aparece unha galiña con pitos de ouro. Tamén é o lugar onde vivía Santa Isabel, cristianización dunha figura feminina precristiá vinculada ás augas e á curación a través dela na Peneda de Santa Isabel, na aldeíña de Penadauga, moi cerca de aquí. Tanto a tradición da figura feminina, coma a da galiña cos pitos continúan completamente vixentes na actualidade a través dos ritos cristiáns, como podedes ver nas seguintes fotos.Photo: Dende o río Toxa ata a aldea de Penadauga hai uns cincocentos metros que se percorren por camiños de encanto que dan servizo aos pastos e chousas de cultivo das casas labregas destas aldeas.Photo: Penadauga.
Penadauga é unha aldea de poucas casas de fasquía aínda ancestral (e dende aquí pedimos ao concello de Silleda que mostre unha especial sensibilidade na súa contribución á recuperación e actualización destas casas sen perderen a súa identidade). No centro da aldea está a peneda de Santa Isabel, cos restos do que debeu ser unha capeliña ao seu carón.Photo: Photo: Penadauga.
O topónimo da aldea fai referencia á peneda que a preside e á auga que ten todo o ano na pía que hai no seu cimo. É unha peneda de especial devoción para moitas persoas que se achegan a ela en calquera momento do ano. Sempre enfeitada de flores e candeas. Nela imos asistir a un dos cultos animistas máis vivos e ricaces que temos en Galicia. Rituais vinculados á pedra, á auga e ás árbores (antes estaba rodeada de carballos). Ritos mesturados coa tradición cristiá, mais conservando aínda a súa pureza.Photo: Penadauga.
O día principal da festividade é o 2 de xullo, así como o domingo seguinte. Son centos de persoas as que gardan fileira para subir á peneda a lavar cada un a súa doenza. Hai un máximo respecto e discreción á devoción particular de cada un neste intre sagrado e íntimo. Cada persoa vén por doenzas persoais que discretamente amosa en público no ritual lavativo que ten lugar no alto da peneda.Photo: Penadauga.
Sobre a peneda hai unha pía de auga de forma antropomorfa: representa a figura da santa deitada, coa cabeza ao fondo. Hai auga natural da chuvia e o orballo case todo o ano. Nos días próximos á celebración (2 de xullo e seguinte domingo) énchena de auga e coidan dela as propias persoas da veciñanza; elas contaránvos celmosas historias desta tradición ancestral. Semellanzas hainas entre estes ritos e os de Santa Mariña de Augas Santas en Allariz: outra figura feminina curadora a través das augas e as pedras.Photo: Penadauga.
Sobre a peneda a xente lava todas as doenzas que traen: soriases, eccemas, chagas, verrugas e calquera outro tipo de mal da pel, ou simplemente cumpre co rito de pasar a auga polo seu rostro ou mans preventivamente; tamén lavan orellas, ollos, ou mesmo os xenitais, e non faltan os que fan enxaugues de boca. Ao final déixase unha moeda na auga para devoción. Todo dentro do silencio e respecto máis íntimo e recolledor. Relixión e animismo amósanse aquí máis entrelazados ca nunca.Photo: Penadauga.
As moedas déixanse en devoción para a parroquia. Botar moedas á auga en lugares especiais repítese en calquera lugar do planeta. en Galicia o máis tradicional é sen dúbida o dos petos de ánimas.Photo: Penadauga.
Na parte baixa da pedra hai uns ocos nos que a xente preme ou encaixa o seu lombo para curar doezas da columna ou dos cadrís. Tamén se colocan candeas e cirios. Ao rematar o ritual da auga e da pedra, hai persoas que dan unha volta ou máis ao seu redor como é costume facer nos lugares sagrados. E dende aquí marchan para a igrexa de Escuadro a rematar a parte relixiosa oficial que completará todo este rito.Photo: Escuadro.
O camiño, agora asfaltado, ata Escuadro discorre entre frondosas carballeiras ao longo dun quilómetro. A xente máis devota faino en completo silencio, sen falar con ninguén ata rematar de escoitar a misa correspondente. Non deixemos de pensar no camiño que estamos percorrendo: nace como lenda ancestral no río Toxa, subimos á parte máis animista en Penadauga e continuamos ata o cristianismo da actualidade na igrexa de Escuadro. Unha viaxe a través do tempo dende a memoria lendaria ata o cristianismo actual.Photo: Igrexa románica de Escuadro. Século XII. Obra dos bos canteiros medievais destas terras, os capiteis reflicten fermosas figuras do bestiario tradicional.Photo: Escuadro.
A portada, só afeada por ese discordante megáfono, ten elementos da máis pura tradición románica: chambrá exterior, arquivoltas decoradas con pomas e baquetóns, tímpano central con cuadrifolio ou "roda crucífera" (Castelao) e hexapétalas, mochetas con figuración de monstros, capiteis vexetais e grifos do bestiario medieval. Sobre o beirado da igrexa atoparedes un carneiro cunha cruz medieval semellante á do tímpano sobre o seu lombo.Photo: Escuadro.
O día da celebración de Santa Isabel atoparedes os elementos básicos de calquera das nosas festas tradicionais: polveiros, rosquilleiras, bandas de música...Photo: Photo: Escuadro.
Despois da misa principal, sae a imaxe de Santa Isabel en procesión ao redor do adro da igrexa (non esquezamos o "camiño" que levamos percorrido dende as augas do río Toxa e as da peneda de Penadauga, un longo percorrido de rituais que continúan agora na igrexa e no seu adro). Ao rematar a procesión, e antes de entrar a imaxe na igrexa, a xente pasa por debaixo da súa figura e colga billetes do seu manto.Photo: Escuadro.
E aquí temos un dos elementos máis curiosos, mais que nos van permitir fechar o círculo deste longo percorrido ritual, que nace no río Toxa coa lenda da galiña cos pitos de ouro ao lado da deidade feminina cristianizada en Santa Isabel, e que rematan de novo xuntas, na igrexa de Escuadro, no día da súa celebración.
Trátase da poxa das galiñas e polos que se fai no adro da propia igrexa. Son galiñas e polos que se ofrecen á santa e que a xente leva para a súa casa.Photo: Escuadro.
Na poxa participa todo o mundo que quere e o fai por devoción a Santa Isabel. Non podemos asegurar rotundamente que estas galiñas teñan que ver coa lenda do río Toxa na que nace o percorrido por este ritual tan completo e rico en compoñentes, mais hai un fío condutor que ten un principio (o río) e un final (a igrexa de Escuadro, cun elemento central e principal (Penadauga). E que sexan curiosamente galiñas e polos os que teñan presenza no día da festa da santa, e no propio adro, parece falar por si mesmo.Photo: Escuadro.
O ritual non queda completo ata que un marcha para a casa levando a galiña gañada na poxa. É o testemuño vivo da santa e da devoción con que as persoas acoden a buscar a súa curación. Galiñas que farán entrar o favor da santa na nosa casa e co tempo a fartura da rolada que aniñen: os "pitos de ouro" que foron sempre a seguranza do sustento de toda familia labrega.Photo: Penadauga.
Lendas e relixiosidade que se confunden nesta Galicia meiga que cada recanto dos noso camiñosnos invita a descubrir. Percorrédeos cos ollos, os ouvidos e alma ben abertos, xa que esta terra fala dende o animismo de toda a súa natureza e a lembranza milenaria da súa xente.